sábado, 17 de mayo de 2014

Dores Tembrás, a lingua do silencio


"agardo pola túa man / ou por ti / polo movemento / para / facerme / redondel"
Leo na Cronoloxía da urxencia, o poemario por saír de Dores Tembrás, e as palabras veñen por min, sen lazo e sen présa, dicíndome Acouga se es capaz. Esta Cronoloxía leva uns días comigo e cada vez que lle roubo un tempo éncheme o silencio de razón. O silencio, di Alejandra Pizarnik, "no existe"."O silencio é case un animal con púas", di Dores Tembrás, e xorde un ourizo cacho, mais non para o tacto da man, baixo o dominio ao que está afeita, senón moi dentro dun ouvido. Unha pode rascar ou poñer a almofada no oco da orella, pero o silencio, animal visible e invisible, sobrevive no umbral das palabras. O case, na obra de Dores Tembrás, é definitivo. A precaución dun adverbio ante o verbo seguro e obstinado, irrevogable decisión (precipitar, afiar, querer, purgar, apodrecer), ou ante un mundo creado por un, dous sustantivos. Dores sostén mundos cos substantivos, percorre o esforzo da palabra por nacer. A poeta que non asaña o silencio, que se torna minúscula para a escoita, obra o Big bang da palabra. Hai nesta Cronoloxía, na que eu quedo co estalido dos silencios no xerme das vocais, unha dureza madurada que rexeita metáforas, as badaladas da lingua cotiá, o son sin máis da palabra que non se parou a mirarse e sacudirse todo o pó de anos no camiño.
Dores Tembrás escribe o desexo con palabras da caste do silencio, que estoupan na intimidade, como o rigoroso inverno dos avós dentro da lacena da memoria. A nosa.
O "si non do faro" da poesía de Dores non se detén. Guíanos nunha escuridade (case) familiar cara o fulgor da palabra orixinal. Na procura dunha procura sen fin. O desexo.
A vida sempre.

Máis sobre Dores en La Voz de Galicia y El Pie en la Marea
http://elpieenlamarea.blogspot.com.es/2013/12/o-paxaro-coa-palabra-na-boca.html
 http://elpieenlamarea.blogspot.com.es/2013/09/fogar-de-poesia.html
http://elpieenlamarea.blogspot.com.es/2013/10/elas-responden.html


1 comentario: