lunes, 9 de septiembre de 2013

Fogar de poesía

Luz Pozo ten unha casa na que colle de todo e no que ocupan lugar de honra as imaxes que non precisan palabras e as palabras máis grandes. O 3 de setembro coñecín outro pouco da Luz coa que tivera falado na casa -hoxe museo- de Emilia Pardo Bazán e que tiña visto na Real Academia, ela cun sorriso amodiño nos ollos e como buscando a alguén máis alá do solpor da xente que comeza a erguerse das cadeiras. Daquela díxome cun medio sorriso que era un pouco Leo e un pouco Cáncer, segundo o momento do día. Na casa de Luz coñecín á Luz que deixa fiestras abertas, amosa fotos de familia, conta, pregunta polos fillos e ofrece zume de pexego e pastitas de corazón para picar. Desta sorte de azar co que comezou setembro xurdiu, na casa de Luz, un encontro con Yolanda Castaño, Dores Tembrás e Estíbaliz Espinosa. Só coñezo unha moi pequena parte da poesía que teñen parido xa, coa mestura xusta de dolor e pracer... as máis das veces. Advirte Yolanda a sensualidade de escribir, ao involucrarse de todo nese proceso de (re)creación da realidade no que o a clave está sempre na ollada de quen mira. Estíbaliz defende a observación dentro da propia ollada da muller, diferente as máis das veces á que dela adoita ter o home. O xénero é máis que unha categoría gramatical, é aínda unha lousa herdada de prexuízos e inercias adquiridas, pero non é definitivo nin o máis definitorio, advirten elas. Dores fala de dous modelos de ser muller nos que unha parece ter que encaixar á forza, pastoreada pola simpleza.
"Non hai problema", din moitos, e moitas, acaso sen saber ben qué dano fai iso. Hai problema cando se está na casa e fóra, só hai que dilucidar quen navega nese mar confuso no que a muller non ten fácil atopar unha áncora que non a inmovilice. A áncora para elas é a honestidade, ser honestas na súa obra co que son; coas nenas que foron e que acaso non soñaron con verse unha tarde plena de verán falando con Luz na casa de Luz, pero si se viran escribindo. A
 poesía non fala soa. Esta reportaxe, pequeno aperitivo en honor a Rosalía, non acaba aquí. Agardo.